QUEN É RICARDO CARVALHO CALERO?


Esta semana estariamos preparando nos centros de ensino galegos a Semana das Letras Galegas. Como non podemos facelo con normalidade, sempre nos queda a vía telemática, así que estes días imos traballar arredor da figura de Ricardo Carvalho Calero, o autor escollido pola Real Academia Galega para dedicarlle as Letras Galegas 2020.

Antes de nada... O Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio. Sabes por que? Pois resulta que en 1963 na RAG celebraron ese día o centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, e os anos seguintes, continuou a manterse ese día. Cada ano escóllese un autor ou autora diferente para ser homenaxeada.

Para coñecer o autor homenaxeado, ides realizar as seguintes tarefas ao longo desta semana. Cando as rematedes, enviádemas por correo electrónico para que volas corrixa:

TAREFA 1. Visionado deste vídeo sobre Carvalho Calero. A continuación, ides responder as preguntas que vos poño debaixo.


a. A quen se lle dedica o día das Letras Galegas 2020? Cando e onde naceu? Como aprendeu a ler?
b. Que lle ocorre ao chegar a Santiago? Cal era o obxectivo desta institución? Que papel exerceu no grupo?
c. Onde realizou o servizo militar obrigatorio? Sabes en que consistía? Podes preguntarlle a alguén de idade que teñas próximo...
d. Onde traballou ao voltar a Galiza?
e. Que obra súa se publicou en 1951? Por que destacou?
f. Que narra o relato “As pitas baixo a chuvia”? En que ano foi publicado?
g. Que publica Galaxia en 1971? Cal destas catro pezas foi a máis representativa?
h. Carvalho Calero foi considerado o ideólogo dunha corrente lingüística, cal? En que consiste?
i. Que premio acadou Carvalho en 1987? Con que novela?
l. Como foi a vida de Carvalho Calero en palabras da súa filla?

TAREFA 2. Nos anos 70, co remate da ditadura franquista, retómase o proceso de normativización da lingua galega, que quedara paralizado ao prohibirse durante o franquismo o uso da nosa lingua. Normativizar consiste en elaborar unhas normas ortográficas, gramaticais e léxicas que constitúan a lingua estándar (a variedade común a todos os falantes, utilizada en contextos formais e descrita en dicionarios e gramáticas). Non debes confundir "normativización" (=norma) con "normalización" (=normal), xa que esta última é o proceso polo que unha lingua recupera espazos dos que fora desprazada, volve á normalidade.
Este proceso deu lugar a un profundo debate sobre cal debía ser a norma escollida, que finalmente foi a que defendían os autonomistas, que defenden o galego como lingua autónoma e independente do portugués. Pola contra, Ricardo Carvalho Calero é unha das figuras máis representativas do reintegracionismo. Esta corrente defende unha aproximación entre o galego e o portugués, tamén na escrita, xa que ambas as linguas teñen unha vinculación histórica e esa maior proximidade permitiría abrir a lingua galega á comunidade lusófona, a máis de 200 millóns de persoas que falan portugués no mundo. O reintegracionismo defende, por exemplo, o uso na escrita de -nh- (e non de ñ), de -lh- (e non de ll), de ç (e non de z).

Imos repasar cales son os países e rexións da lusofonía coa seguinte actividade. Identifica o país ou rexión que se corresponde con cada número (escribe o nome en lingua portuguesa) e continente no que se atopa. Tes a axuda das bandeiras e ademais podes consultar o teu libro de texto.



TAREFA 3. Hai moitos prexuízos asociados á lingua galega, sentimentos negativos que algunhas persoas teñen sobre unha lingua ou os seus falantes. Igual algunha vez escoitaches a frase "El gallego no sirve para nada en cuanto sales de Galicia...". Tendo en conta todo o que comentamos previamente e a postura de Ricardo Carvalho Calero, vai á páxina 75 do libro de texto e fai o exercicio 1

TAREFA 4. Imos coñecer a obra deste autor. Cultivou diversos xéneros: narrativa, ensaio, teatro, poesía. A continuación podes ler un dos poemas  de Carvalho Calero: "Pido talvez o que nom podes dar-me". Nesta ligazón, podes atopar o audio da versión musicada por Marful: 
Contesta as preguntas que hai debaixo do poema.

Pido talvez o que nom podes dar-me.
O que talvez ninguém
pode dar-me. Isso pido.

Mas se tenho necessidade
desse alimento, pouco consolo é
para a minha fame que tal grao
nom se dê nas estepas desta terra.

Pede-lhe a quem me pujo neste mundo
o pam que deveu pôr-me baixo o braço
cando nacim.

Umha liçom de geografia económica
nom é farinha para o coraçom.

Carvalho Calero, Ricardo, Reticências... (1986-1989), Barcelona, Sotelo Blanco, 1990.

a. O poema está escrito en galego reintegrado, aquel que busca unha aproximación ao portugués. En que palabras o notas? Escríbeas e indica como cres que se pronuncian.
b. Como cres que se sente a voz poética? Xustifica a túa resposta.

TAREFA 5 (actividade de ampliación, non obrigatoria, non hai que entregala). Sabes o que é un escape room? A continuación déixovos dous sobre Carvalho Calero, un para Primaria e outro para Secundaria, para que fagades nun anaco que teñades libre para pasar o tempo, xa que son entretidos. Recoméndovos facer o de Primaria en primeiro lugar, o de Secundaria é complexo. Tamén vos recomendo ter lapis e papel ao lado. Eu xa os fixen, polo que se vos atascades nalgún paso, podo botarvos unha man.

Máis información sobre a lusofonía: 

Comentarios