Como xa sabedes, este domingo foi o Día das Letras Galegas. O uso e reivindicación da nosa lingua non pode reducirse a un só día, polo que esta semana imos continuar con esta temática.
A poesía serviu ao longo da historia da literatura para canalizar emocións e tamén para denunciar situación que se consideran inxustas. A poesía que ten como obxectivo amosar un compromiso coa sociedade e denunciar aspectos negativos ou inxustos presentes nela chámase POESÍA SOCIAL. Antes de continuar, le a páxina 132 e infórmate un pouco máis sobre as características desta poesía e o seu impacto na nosa literatura.
TAREFA 1. Os nosos e as nosas poetas sempre amosaron un compromiso social. Dende Rosalía de Castro ou Curros Enríquez até Celso Emilio Ferreiro ou Manuel María. Este último é un poeta moi comprometido, entre outras cousas, coa lingua galega.
O seguinte vídeo é unha iniciativa da plataforma Queremos Galego, na que a artista Uxía Senlle coa colaboración de Tanxugueiras e Faia, entre outras, ofrece unha versión do poema "A fala" de Manuel María. Mírao e escóitao con atención. Debaixo tes o poema (as estrofas en cursiva non están na letra da canción) e unhas preguntas sobre el para que respondas.
A fala. Manuel María
O idioma é a chave
coa que abrimos o mundo:
o salouco máis feble,
o pesar máis profundo.
O idioma é a vida,
o coitelo da dor,
o murmurio do vento,
a palabra de amor.
O idioma é o tempo,
é a voz dos avós
e ese breve ronsel
que deixaremos nós.
O idioma é un herdo,
patrimonio do pobo,
maxicamente vello,
eternamente novo.
O idioma é a patria,
a esencia máis nosa,
a creación común
meirande e poderosa.
O idioma é a forza
que nos xungue e sostén.
¡Se perdemos a fala
non seremos ninguén!
O idioma é o amor,
o latexo, a verdade,
a fonte da que agroma
a máis forte irmandade.
Renunciar ao idioma
é ser mudo e morrer.
¡Precisamos a lingua
se queremos vencer!
a) Cal é a idea principal que quere transmitir Manuel María con este poema?
b) Explica o significado destes versos:
- "O idioma é a chave coa que abrimos o mundo"
- "O idioma é [...] a voz dos avós e ese breve ronsel que deixaremos nós"
- "O idioma é [...] a esencia máis nosa"
- "Renunciar ao idioma é ser mudo e morrer"
c) Fíxate na estrutura do poema, en como está redactado. Atopas algunha similitude na construción das estrofas? Hai algunha que sexa un pouco diferente?
d) Explica como é a rima deste poema: que versos riman e se é asonante ou consonante.
TAREFA 2. Imos empregar este poema para repasar algo de ortografía e gramática. Podes consultar o libro: páx. 17 (clases de palabras), páx. 51, 71, 108 (acentuación) e o apéndice. Contesta as seguintes preguntas:
a) Explica por que se acentúan ou non as seguintes palabras que aparecen nos versos. Se se trata dun diacrítico explica por que esa é a palabra que leva o til ou a que non o leva: é, máis, profundo, o, nós, maxicamente, ninguén, da, se.
b) Localiza no poema catro palabras con ditongo e dúas con hiato.
c) Localiza no poema un substantivo común concreto, un substantivo común abstracto, un verbo conxugado, un verbo en forma impersoal/nominal, un adxectivo, un determinante (indica de que tipo é), un pronome persoal, un adverbio, unha preposición e unha conxunción.
TAREFA 3. Para coñecer máis exemplos de poesía social, ides ir á páxina 134 e ler os catro poemas que hai nela. Pode que o poema "Lapidadas" vos resulte un pouco máis complexo de entender. Refírse á lapidación das mulleres (lanzar pedras até causar a morte), unha terríbel tortura que segue a levarse a cabo en diferentes lugares do mundo.
Unha vez que leades e entendades ben os poemas (escribídeme se tedes algunha dúbida sobre a mensaxe que queren transmitir), facede o exercicio 1 da páxina 134.
ENVÍADEME AO CORREO AS TRES TAREFAS FEITAS AO LONGO DESTA SEMANA
Comentarios
Publicar un comentario