PASOS PREVIOS ANTES DA ACTIVIDADE
Agora imos saber máis dos textos das receitas. Como xa dixemos, son un texto prescritivo e, polo tanto, van ter as características deste tipo de textos. O seu obxectivo é dar unha serie de indicacións que nos permitan acadar un obxectivo: cociñar ben un prato.
En canto á lingua, imos atopar as seguintes características (ás que tamén se fai referencia na páx. 102 do libro:
- Se nos queremos dirixir a quen nos le, predominará a 2ª persoa: agora bates os ovos; despois cortas a masa; deixas repousar cinco minutos; mesturas ben todos os ingredientes; etc.
- Tamén é posíbel que se opte polas oracións impersoais, as que non teñen suxeito: córtase a cenoria; despois mestúrase todo; primeiro cóllese a batidora; etc.
- Podes empregar formas verbais en futuro (baterás os ovos; cortarás en anacos pequenos); en imperativo, para dar ordes (bate os ovos; corta en anacos pequenos); ou en infinitivo (bater os ovos, cortar en anacos pequenos).
- Pode que necesites empregar perífrases de obriga (páx. 73): tes que bater os ovos; deber cortar en anacos pequenos; has de mesturar todos os ingredientes; hai que cortar a masa.
- Por suposto, debes empregar un léxico claro e preciso e oracións curtas, para que as instrucións se entendan moito mellor.
En canto á estrutura, as receitas tamén presentan apartados máis ou menos fixos:
- Racións (para cantas persoas é o prato)
- Tempo de preparación (canto tempo nos vai levar elaborar a receita)
- Ingredientes (que alimentos necesitamos para elaborar a receita)
- Utensilios (que ferramentas precisamos para elaborar a receita)
- Pasos que hai que seguir (é mellor numeralos ou separalos en guións para que quede máis claro)
Na páxina 116 do libro tedes un exemplo de receita. Ademais, nas seguintes ligazóns, podedes atopar diferentes receitas en galego:
QUE TEMOS QUE FACER AGORA?
1. Ides activar o voso espírito culinario e ides redactar vós unha receita. Para que poidamos coñecelas todas, imos facer un recetario colaborativo. Ides ir poñendo as vosas receitas neste documento de Google Drive seguindo a estrutura que xa hai nel. Se non podedes redactar aí a vosa receita, facédea a man e mandádeme unha imaxe. Despois, eu encargareime de colgala neste documento. Como podedes ver no documento, a receita ten que constar dos seguintes apartados:
2. Imos aproveitar para traballar o vocabulario da alimentación, e tamén imos facelo de maneira colaborativa. Ides ir engadindo os termos vinculados a este ámbito neste documento de Google Drive. Se non podedes traballar con este documento en liña, mandádesme ao correo os termos que ides seleccionando. Imos seleccionar termos vinculados cos alimentos, cos utensilios que empregamos na cociña ou para comer, coas accións que realizamos ao cociñar e coas tendas de alimentación.
Se sabedes o termo en castelán, pero non en galego, ou viceversa, podedes empregar as seguintes ligazóns:
Comentarios
Publicar un comentario