Esta semana, unha das cousas que imos facer vai ser saber algo máis do noso nome e apelidos.
Algunha vez vos parastes a pensar por que vos puxeron o nome que tedes? Ocorréusevos preguntar se houbo algunha razón para a escolla? E con respecto aos vosos apelidos... sabedes de onde proceden? Se son galegos ou se veñen doutra parte do mundo?
Para esta actividade ides ter unha serie de preguntas que ides intentar contestar consultando coa vosa familia e unha serie de ligazóns que vos vou facilitar e que vos describo a continuación:
1. Nomes e apelidos (INE). Esta páxina contén datos do Instituto Nacional de Estatística de España. A través dela podemos saber varias cousas:
- Cantas persoas se chaman e apelidan coma nós: así sabemos se é un nome/apelidos moi ou pouco utilizado.
- Que idade media teñen as persoas que se chaman coma nós: para saber se é un nome que ten máis xente maior ou máis xente nova.
- Onde viven as persoas que se chaman coma nós: así sabemos cal pode ser a procedencia do noso nome, xa que é moi posible que proceda do lugar onde hai máis persoas que o levan.
- Cantas persoas co noso nome naceron en cada década dende 1950: así podemos saber cando foi un nome máis popular.
Neste vídeo que gravei podedes ver como se busca na páxina:
2. Nomes galegos de hoxe e onte. Antropónimos galegos e galaicos (Asociación Cultural Fillos de Galicia, Xunta de Galicia). Para saber a orixe e o significado do noso nome.
3. Listado de nomes femininos en galego (Wikipedia). Para saber a orixe e o significado do noso nome.
4. Listado de nomes masculinos en galego (Wikipedia). Para saber a orixe e o significado do noso nome.
5. Ímoslle chamar... (Xunta de Galicia). Nomes coa súa orixe e significado.
6. Cartografía dos apelidos de Galiza (Instituto da Lingua Galega). Esta páxina permítenos saber canta xente se apelida coma nós en Galiza e en que concellos se atopan. Así coñeceremos se os nosos apelidos son populares ou non e en que lugares se empregan máis.
7. Apelidos de Galiza. Orixe e significado dos nosos apelidos.
Agora tedes que intentar contestar a unha serie de preguntas (suxírovos tamén en que ligazóns podedes buscar a información):
- Sobre o voso nome (se tedes dous podedes escoller o que empregades habitualmente):
a. Por que che puxeron ese nome?
b. Que significa? (ligazóns, 2, 3, 4, 5)
c. Que procedencia ten? (ligazóns, 2, 3, 4, 5)
d. Ten traducións a outras linguas? Cales son?
e. Cantas persoas se chaman igual ca ti en España? (ligazón 1)
f. É un nome común ou pouco común? (ligazón 1)
g. Onde viven principalmente as persoas que se chaman coma ti? (ligazón 1)
h. Cal é a idade media das persoas que se chaman coma ti? É un nome que se empregou sempre ou que é de uso recente? (ligazón 1)
i. En que década naceron máis persoas co teu nome? (ligazón 1)
- Sobre os vosos apelidos:
a. Cal é a súa procedencia? (ligazóns 6, 7)
b. Que significado teñen? (ligazóns 6, 7)
c. Con cantas persoas compartes o teu primeiro apelido en España e en Galiza? (ligazóns 1, 6)
d. Con cantas persoas compartes o teu segundo apelido en España e en Galiza? (ligazóns 1, 6)
e. En que lugares de España e Galiza viven as persoas que levan os teus apelidos? (ligazóns 1, 6)
f. En que lugares do mundo viven as persoas que levan os teus apelidos? (ligazón 8)
Ao longo da semana, elaborade un documento no que contestedes estas preguntas e mandádemo ou respondédeas no voso caderno e enviádeme unha foto.
Comentarios
Publicar un comentario